A EXECUTIVA LOCAL SOCIALISTA REUNIUSE PARA VALORAR OS RESULTADOS ELECTORAIS

Os socialistas amosan a súa satisfacción por ser novamente a primeira forza política na cidade nas pasadas eleccións europeas

A Executiva de Ferrol celebra que Ferrol vaia ter Alcalde Socialista e apoia as negociacións de Angel Mato para acadar un goberno estable e de progreso

A Executiva Socialista centrará dende xa o seu traballo nas eleccións autonómicas do próximo ano

(30.05.19)

A Comisión Executiva dos Socialistas de Ferrol reuniuse na tarde deste xoves para analizar e valorar os resultados obtidos na cidade nos distintos procesos electorais celebrados o pasado domingo.

Así, nas eleccións europeas, o Partido Socialista volveu ser a primeira forza política na cidade, como xa acontecera hai un mes nas eleccións xerais, logo de recibir a confianza de 11.758 ferrolás e ferroláns, practicamente 2.000 votos mais que o Partido Popular.

A Executiva Socialista quixo poñer en valor este resultado, salientando que o 35,30% de votos obtidos na cidade atópase dous puntos por riba do magnífico resultado do Partido Socialista no conxunto do Estado, na liña co resultado do Partido Socialista de Galicia. A dirección socialista aproveitou para agradecer a confianza reiterada pola cidadanía, así como o traballo desenvolvido pola militancia socialista nestes dous intensos meses de procesos electorais continuados.

Xa en clave municipal, a Comisión Executiva Local congratulouse por que Ferrol vaia contar os próximos catro anos cun Alcalde Socialista, aproveitando para trasladar a súa felicitación pública tanto ao candidato socialista, e vindeiro Alcalde da cidade Angel Mato, como a súa candidatura.

A Executiva Socialista amosouse absolutamente confiada en que o goberno liderado polo Partido Socialista será quen de impulsar neste mandato o proxecto que Ferrol precisa, trasladando o respaldo explícito ao candidato no proceso de negociacións aberto co obxecto de pactar un goberno municipal estable e de progreso na cidade, o cal contará dende o primeiro día co apoio de todas e todos os socialistas de Ferrol.

Por último, a Comisión Executiva valorou o novo ciclo político aberto en Galicia con vistas ás eleccións autonómicas do próximo ano, e informou que dende xa centrará o seu traballo en impulsar dende Ferrol o proxecto dos socialistas galegos liderados por Gonzalo Caballero para poñer fin ao tempo de Feijóo e do Partido Popular na Xunta de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.